30 abril 2015

MUSEO MEIRANDE

Tamén visitamos o Museo Meirande, preto da ponte de Rande, na ensenada de S. Simón. Este pequeno museo é  centro de interpretación da Batalla de Rande de 1702 e do patrimonio industrial, está construído sobre unha antiga conserveira  situada a  12 metros dun dos pecios afundidos neste histórico combate no que participaron catro nacións europeas (España, Francia, Inglaterra y Holanda) na Guerra de Sucesión española (1701-1713).
Gozamos da súa fermosa localización exterior a pesar do día nuboso e comentamos con sorpresa que ben víamos a ponte e que diferente a pasala pola autoestrada.
Xa no museo e acompañados do "Capitán Jacobo", guía moi simpático que rapidamente sintonizou con todo o mundo, observamos varias maquetas dos galeóns da época e reproduccións dos camarotes e cañóns para poder imaxinar como eran "as cousas" por aquel tempo...
Sobre a existencia ou non de tesouros, falaba tamén a novela de Julio Verne "Vinte mil leguas de viaxe submariña", a versión histórica di cos metais preciosos foron descargados antes do ataque naval e foron enviados a Lugo en carros de bois. A saber!!!
Asi que falamos tamén de América, das mercancías de ultramar, tesouros, piratas, submarinismo...e o do comandante Cousteau.
Rematamos co visionado dun corto sobre a Batalla de Rande que recrea o asalto e a queima dos navíos en Rande.
O tempo chegounos a pouco, o autobús esperaba para voltar ao cole e agora quedan os recordos dunha visita moi interesante:


MUSEO DO MAR

Hoxe realizamos unha visita ao Museo do Mar de Galicia en Vigo que resultou moi interesante. Nada máis chegar fixemos dous grupos para seguir aos nosos monitores. O grupo de alumnado par tivo unha explicación sobre a conquista do mundo mariño e os avances ao longo da historia para rematar co acuario. O grupo de alumnado impar visitou o acuario e seguidamente participou dun obradoiro sobre a conquista do mundo submariño.


Nas seguintes reportaxes gráficas recollemos unha mostra de imaxes que nos axuden a recordar toda a información recibida e poder intercambiala entre os dous gurpos formados.

No acuario  poidemos observar diferentes especies mariñas que habitan a nosa costa galega. 


Obradoiro sobre o percorrido histórico da conquista dos mares:




Obradoiro sobre o mundo submariño:


28 abril 2015

E TRABALLAMOS AO REDOR DA PRENSA

DESPOIS DE TRABALLAR SOBRE O LIBRO E CELEBRAR O SEU DÍA CON MOITAS ACTIVIDADES, AGORA TÓCANOS TRABALLAR COA PRENSA.
NO CENTRO HAI PREPARADAS MOITAS ACTIVIDADES...
LAMPI PEDIUNOS QUE LLE ESCOLMEMOS NO XORNAL UNHA NOVA DE ACTUALIDADE E QUE LLA REMITAMOS Á BIBLIOTECA... QUE QUERERÁ FACER CON ELA?

DA OVELLA Á MADEIXA


Volvemos ao Sagueiral na parroquia de Bora para participar dunha actividade coordinada por Anias [Xestión e formación sociocultural], coa colaboración da Comunidade de Montes do Salgueiral e o Concello de Pontevedra,
As visitas á aldea do Salgueiral realizáronse o luns 21 de abril co grupo de 4º A e o martes 28 de abril co grupo de 4ºB.


Este ano a actividade achegounos ao proceso artesanal da lá: 
-Rapa dunha ovella.
-Lavado e cardado da lá.
-Mostra das ferramentas de fiar (fuso, roca).
-Proceso de tinguido natural.
-O tear.
O noso percorrido, no que fomos guiados coa simpatía e co entusiasmo de Viki e Manu,  levounos por varias fincas e casas de veciñas e veciños que amosaron moito cariño, dedicación e paciencia para achegarnos información e facernos partícipes dun modo de vida que se nos fai moi alonxado no tempo, pero que forma parte das nosas raíces, da nosa cultura e tradición.
Recordamos anécdotas e aprendizaxes da visita do curso pasado. Estivemos coa Sra. Laura e o seu xenro, o Sr. Basilio e o Sr. Evangelino, ademais de utilizar o eirado da casa dos De Simón.
A experiencia resultou, un ano máis, xenial e desde este blog queremos agradecer o esforzo, o tempo e a dedicación que nos amosaron e dicirlles que non os imos esquecer.
A continuación, a reportaxe gráfica das dúas sesións:


27 abril 2015

OBRADOIRO DE DOBRAXE

Hoxe estiveron no colexio Suso Pando e Manuel Pombal (FMEC Producións) para facer connosco un obradoiro de dobraxe. A finalidade desta actividade é contribuír a mellorar a nosa competencia oral en lingua galega dun xeito lúdico e divertido.
Primeiro, os dous actores amosaron os pasos da elaboración dunha película, dende a creación do guión ata a dobraxe mesma, utilizando monicreques a través dun xogo dramático.
Logo, sen abandonar o ton lúdico e teatral, presentaron os personaxes dun “mini capítulo” de Bob Esponxa que tiñamos que dobrar ao galego. 
Ensaiamos entre todas e todos o fragmento da curta, aprendendo a encaixar as nosas voces nas bocas dos personaxes.
Finalmente fixemos as gravacións coas nosas propias voces e comprobamos os resultados.
Esta actividade foi posible coa colaboración da Concellería de Educación do noso concello.
Achegámonos ao apaixoante mundo do cine e a dobraxe, estivemos moi atentas e atentos, ademais participamos con entusiasmo.
O fragmento dobrado polas dúas clases de 4º esperamos podelo compartir pronto neste mesmo blog.


23 abril 2015

VISITA DO CONTACONTOS IAGO LÓPEZ

        Hoxe, día 24 de abril,  DÍA DO LIBRO  e  por xentileza da editorial SM recibimos a visita do contacontos Iago López. Falamos do libro "Se vende mejor amigo" que estamos a traballar neste trimeste e fixemos moitos xogos de animación lectora con personaxes do libro. Foi moi entretido, pasóusenos o tempo voando...mirade como gozamos nas seguintes fotos:



17 abril 2015

E NESTE ANO QUE É ANO DA LUZ...

Como evolucionou o feito de alumear?
Tiveron os seres humanos sempre luz?
Este ano, ano da luz, imos traballar sobre aspectos relacionados con ela...
A ELECTRICIDADE!
Ata pode ser que fagamos experimentos!

15 abril 2015

CHEGA O 23 DE ABRIL

NO COLEXIO ESTAMOS A PREPARAR A CELEBRACIÓN DO DÍA DO LIBRO CON VARIAS ACTIVIDADES.
ALGUNHAS DELAS SON:
- PRESENTACIÓN DO NOSO LIBRO FAVORITO CO OBXECTIVO DE ANIMAR ÁS COMPAÑEIRAS E AOS COMPAÑEIROS QUE O LEAN E TAMÉN PARA QUE NOS COÑEZAN MELLOR E POIDAMOS PRACTICAR EXPRESIÓN ORAL.
- TRABALLAR SOBRE O LIBRO, O SEU CARNÉ, OS ARTILUXIOS QUE SE XERAN AO REDOR DEL
- COMENTAR POR QUE SE CELEBRA O 23 DE ABRIL
- TRABALLAR SOBRE CERVANTES E A SÚA OBRA CUME
-...