12 mayo 2014

UN DÍA XENIAL NO SALGUEIRAL

A semana pasada visitamos a aldea do Salgueiral na parroquia de Bora do concello de Pontevedra.
Esta saída é unha iniciativa da Comunidade de Montes de O Salgueiral que conta coa colaboración do noso concello e da empresa sociocultural ANIAS.
O noso percorrido comezou pola antiga casa escola e levounos por varias casas de veciñas e veciños que amosaron moito cariño, dedicación e paciencia para explicarnos moita información sobre o traballo no campo.
Estivemos:
-Na casa da Sra. Laura, antiga casa de labranza ambientada como casa museo etnográfico, vimos os apeiros e ferramentas imprescindibles para cultivar a terra, utensilios domésticos e as ferramentas de carpinteiro que usaba o seu home.
-Na casa do Sr. Basilio, vimos un canastro, recibimos unha leción maxistral de como facer un palleiro e debullamos espigas de millo...e algunha cousiña máis.
-Na casa do Sr. Evangelino, no eirado da casa garda aos animais e nos deixou darlles de comer. Tiña cabuxas, ovellas, unha vaca co seu becerro e a burriña Paloma.
-Na casa dos De Simón, vimos o muíño eléctrico para moer os cereais, o forno de pedra para cocer o pan, ademais dimos de comer as galiñas e paseamos pola horta para ver os diferentes cultivos.
-Regresamos polo camiño de Entrefontes e no patio da escola rematamos a nosa visita cun xogo por equipos para completar uns puzzles e resolver unha adiviña.
Foi unha experiencia realmente xenial e desde este blog queremos agradecer o esforzo e a dedicación que nos amosaron e dicirlles que aprendemos moito, moito...
A continuación, a reportaxe gráfica das dúas sesións, esperamos que o visionado das fotos sirva para lembrar esta fantástica excursión:


No hay comentarios:

Publicar un comentario